lunes, 18 de abril de 2011

Causa Galiza Lugo

Causa Galiza organiza o sábado 30 en Lugo un acto nacional pola revolución de 1846

Dentro das actividades en prol da socialización do dereito de autodeterminación, Causa Galiza presentou está mañá na Galería Sargadelos unha nova cita nacional convocada o día 30 en Lugo, en homenaxe aos 165 anos da revolución galega que abriu o camiño ao soberanismo. O membro da asemblea comarcal de Lugo de Causa Galiza, Xosé Manuel Seixas, lembrou a importancia histórica da cidade de Lugo no levantamento de 1846, desde que no 2 de abril dese ano Miguel Solís proclama a insurrección na Praza Maior ate que mais de 20 días despois o exército español desarma a cidade. Seixas afirmou que fixar esta data no almanaque contribue a “dignificar a nosa historia”.

Olalha Barro, membro da Portavocía de Causa Galiza, analizou o actual contexto de conflito político e as conclusións que Causa Galiza tirou dun proceso de debate que culminou o pasado 19 de marzo coa celebración do seu plenario nacional. Así, Barro sinalou que a organización autodeterminista evidenciou que “a vía estatutaria é unha vía morta” para acadar a soberanía nacional. Ademais, indicou que “temos a responsabilidade de fomentar este debate nas organizacións do nacionalismo”, para o cal consideran unha ferramenta útil o Acordo Democrático Nacional (ADN) presentado en Pontevedra o pasado 18 de decembro. Precisamente, o acto do 30 abril servirá para facer públicas as novas organizacións que secundan este acordo de mínimos autodeterministas.

Borxa Rei, tamén membro da asemblea comarcal de Lugo da Causa Galiza, presentou a totalidade dos actos para esa xornada, que van comezar ás 18:00 no Parque de San Roque e sucederanse polas distintas rúas de Lugo, con intervencións dos historiadores Bernardo Máiz e Bernardo Penabade, recital poético de autores e autoras como Darío Xohán Cabana, Xiana Arias ou Daniel Salgado e a música tradicional da asociación A Volta do Agro. O punto final do roteiro será a Praza Maior, onde se producirá o acto político central coa presenza da Portavocía da Causa Galiza.

Á noite, a celebración vai continuar cunha foliada a partir das 20:00 no Centro Social Mádia Leva! (Rua Amor Meilán) e unha cea de convivencia no mesmo local. E, xa á media noite, porá o punto final un concerto na Sala 982 (Ronda da Muralla), coas actuacións dos grupos Lugo Sen Descanso, Ondas Martenot , Das Kapital, Sacha na Horta e Os Tres Trebóns. A entrada ao concerto terá un prezo de seis euros. Causa Galiza organizará un autobús desde as comarcas de Vigo, Pontevedra e Santiago que volverá despois dos actos programados. Ademais, habilitarase un espazo para durmir.

A convocatoria en memoria da Revolución Galega de 1846, que o ano pasado foi celebrada en Carral, chega este ano a Lugo en consonancia coa decisión de Causa Galiza de levar a reivindicación da soberanía nacional às comarcas galegas, e súmase as convocatorias de 25 de xullo e 6 de decembro nas que a iniciativa autodeterminista ten conseguido unir a todo o movemento soberanista galego.