viernes, 12 de febrero de 2010

I ANIVERSARIO BAF LUGO

Xa pasou un ano dende que tivemos aquela reunión no Madia Leva!, dende que os de sempre e coma sempre, decidimos pornos man á obra, para completar un proxecto que levabamos tempo perfilando. Xa había meses e incluso anos que xuntos, todos os que participamos na presentación do colectivo, estabamos organizados fronte as diferentes problemáticas abertas na nosa cidade, o único que nese momento faltaba era un nome, un acrónimo, un soporte dado que permitirá dotar de forma ó movemento antifascista lugués, con tradición organizativa anterior evidenciada en grupos como o "Colectivo Antifascista O Piloto", sobre o que construímos a nosa iniciativa asociativa.

Somos mozos e veciños, traballadores e estudandes, de diferentes ideoloxías, de diferentes barrios e condicións sociais, cada un cunha problemática individual diferente, pero todos unidos pola firme idea do cambio, que esperta con cada reparto, con cada pintada ou cada acto por mínimo que sexa. Somos antifascistas por orgullo e condición, comprometidos co futuro, que está fóra de calquera tribuna gubernamental, de aí que a necesidade de cambio quede disposta en todas as organizacións que do mesmo xeito ca nós enfrontan o panorama de adversidades sociais que se presentan no devir diario da nosa existencia. A nosa organización nace da inconformidade manifesta fronte as continúas agresións perpetradas dende as élites sobre o pobo traballador e a mocidade combativa, o mesmo inconformismo activo que pretendeu dende a súa formación dar resposta directa ás accións violentas e discriminatorias executadas polos lacaios do poder organizados no escuro espectro da ultradereita, que presenta diferentes rostros, todos eles igual de denunciables, faces que nacen ó agoiro do consentemento institucional, realidade da que sfumosconscientes dende un principio.

Así naceu e medrou un grupo de compañeiras e compañeiros, amigos e amigas, dun xeito que nin tan sequera nos nosos mellores soños poderiamos ter imaxinado. Pasaron os meses sendo conscientes dunha responsabilidade común que todos temos, a mesma que dende o primero até o último asumimos plenamente, para deixar clara a nosa demostración de conciencia adquirida que pretendimos dende a primeira verba declarada na asemblea constituínte. Queremos e quixemos plasmar a denuncia nas rúas de Lugo, como cidade, pero tamén no Lugo como provincia da que teñen saído insignes militantes antifascistas como Henriqueta Outeiro, O Piloto, dos que tomamos o seu exemplo de loita e compromiso, perfectamente actualizable nos tempos que corren.

Estivemos en todo acto ou convocatoria no que puideramos botar unha man, ben a título a individual ou colectivo pero sempre asumindo as responsabilidades correspondentes. Estivemos nas concentracións a prol de Palestina e do Sáhara, estivemos nos actos organizados pola plataforma Rosalía non se Vende, estivemos nas reunións en contra da Ordenanza Municipal, e seguiremos particpando nas mesmas; estivemos na concentración antitaurina de Sarria, estivemos cos traballadores do Metal, cos gandeiros de Lugo provincia, estivemos nas convocatorias celebradas a prol da nosa Lingua e en contra dos ataques fronte a mesma, estivemos organizando as Xornadas Nacionais de Siareiros Galegos, estivemos cos presos galegos e en contra de calquera campaña criminalizadora que se levou contra o movemento antifascista, nós incluídos; estivemos con Causa Galiza e denunciamos a farsa constitucional imposta polo rexime estatalista español, estivemos no fútbol animando á nosa equipa e confrontando as sancións impostas ós siareiros das Brigadas Lucenses, estivemos cos compañeiros do Vagalume, colaborando coa formación dun novo Centro Social na nosa cidade. Enfrontámonos ás ameazas electoralistas da Falange en Lugo, ás demostracións homófobas e machistas de diferentes asociacóns antiabortistas, e por suposto respostamos ás amezas fascistas que percorreron a nosa cidade aló polo maio do ano pasado.
En definitiva brigamos contra calquera manifestación de xenofobia, fascismo, machismo que se puido ter desenvolto durante este ano na nosa cidade.

A todos aqueles que conformamos movemento antifascista, a todos aqueles que estiveron con nós en maior e menor medida: Grazas. Porque vós e nós somos a vida deste país, resistente e activo que non permitirá que os mortos, as causas nin as ideas caian no esquezo.

Por todo isto e moito máis quedades e quedamos convidados ó concerto antifascista que terá lugar o 17 de Abril no Centro Social Madia Leva, co que daremos punto e seguido a un ano detrás do que virán moitos máis de loita e compromiso. Sen máis só queda afirmar que Lugo é e será antifascista, que Lugo é e será berce de ideais xustos e combativos SEMPRE!

Viva Lugo Antifascista! Avante as BAF!